Legalité
  • INICIO
  • Blog
  • EQUIPO
  • CONTACTO
  • POLÍTICA DE PRIVACIDAD

o parlamento de Galicia: pasado e presente.

11/12/2020

0 Comentarios

 
Fátima Amboage Santos
Imagen
¿Xurdimento do parlamentarismo galego en Melide?
​Dise (aínda que cun debate presente entre os estudosos da historia), que fai preto de 500 anos, na primavera do ano 1520, o monarca daquel entón, Carlos I, convoca estratexicamente Cortes en Santiago de Compostela, concretamente no convento de San Francisco, coa soa intención de quitarlles poder aos nobres casteláns, e aproveitar para coller na Coruña o barco que o levaría a Flandes, onde ía ser coroado emperador.
A nobreza galega non foi convidada a este encontro, como tampouco o arcebispo da cidade. Galicia non tiña voto de seu dende o século anterior, polo que todas as decisións que se plantexaran en nome deste Reino debían ser defendidas por Zamora, cidade que representaba o voto de Galicia.
Ante o desplante do monarca Carlos I, Alonso III de Fonseca, decide convocar aos poderes estamentais (nobreza e clero), que tiñan o poder xurisdicional sobre as terras nunha xuntanza para reclamar varios acordos en nome de Galicia.
Así as cousas, moitos historiadores defenden que o 4 de decembro de 1520 nesta asamblea en Melide se conseguiu reunir ás distintas forzas sociais de Galicia para tomar decisións trascendentais decisións políticas e sociais coa finalidade de solicitar dereitos en nome de todo o pobo galego.
Nesta asamblea asináronse 16 capitulacións (todas elas documentadas) para presentar ante o Rei Carlos I de España e V de Alemaña, xa que nese momento xa fora proclamado emperador electo do Sacro Imperio Romano- Xermánico. Entre elas podemos sinalar: afirmación da fidelidade ao monarca, manterse alleos ao conflito comuneiro de Castela contra o rei, solicitude para acadar o voto nas Cortes para Galicia (que estaba sendo representada por Zamora), creación dunha Capitanía Xeral para Galicia, entre outras.
Imagen
É de recibo resaltar que non se atoparon todas as capitulacións; se ben, sí que se atoparon multitude de respostas ás demandas presentadas, polo que en base a eses documentos, hoxe en día podemos coñecer as peticións que se fixeron por aquel entón no nome do pobo galego. 
Porén, ningunha destas propostas tivo unha resposta pronta e favorable; sen embargo, ao que aquí nos atañe, é que por primeira vez na historia,  moitos defenden que devandita asamblea supuxo o xerme do parlamentarismo galego… mais, que sabemos do Parlamento na actualidade? Que é? Que funcións cumpre?
O Parlamento de Galicia é a institución na que reside o poder lexislativo da comunidade autónoma de Galicia. Instaurouse no ano 1981 e está composto por 75 deputados que se elixen mediante sufraxio universal, igual, libre, directo e segredo cada 4 anos (artigo 11 do Estatuto de Autonomía de Galicia). Na actualidade distribúense da seguinte maneira: Partido Popular, 42 deputados; Bloque Nacionalista Galego 19 deputados; Partido dos Socialistas de Galicia 14 deputados.
​
​
Imagen
​
  1. FUNCIÓNS DO PARLAMENTO.
Dacordo co artigo 10 do Estatuto de Autonomía, as funcións do Parlamento son as seguintes: controlar a acción executiva da Xunta, aprobar os seus orzamentos, designar para cada lexislatura das Cortes Xerais os senadores representantes da Comunidade Autónoma galega, elixir de entre os seus membros o presidente da Xunta de Galicia, exixirlles responsabilidade á Xunta de Galicia e ao seu presidente, solicitar do Goberno do Estado a adopción de proxectos de lei e presentar ante a Mesa do Congreso dos Deputados proposicións de lei, interpoñer recursos de inconstitucionalidade e presentarse perante o Tribunal Constitucional nos supostos e termos previstos nas leis.
  1. ORGANIZACIÓN, DISTRIBUCIÓN E FUNCIONAMENTO.
Como establece o artigo 12 do Estatuto de Autonomía galego, o Parlamento elixe de entre os seus membros un Presidente, a Mesa e unha Deputación permanente, que agora pasaremos a explicar.
En primeiro lugar, é de recibo explicar que o Presidente do Parlamento é quen fixa a orde do día dos plenos, de acordo coa Mesa e a Xunta de Portavoces e sempre tendo en conta o calendario de actividades. A orde do día das comisións vén determinada pola respectiva Mesa, consonte o calendario establecido pola Mesa do Parlamento.
Por outra parte, o Parlamento funcionará en Pleno e Comisións e reuniráse en sesións ordinarias e extraordinarias (artigo 12.3 EA).
  • A MESA DO PARLAMENTO.
A mesa do Parlamento é o órgano reitor da Cámara e desempeña a representación colexial desta nos actos aos que asista, así o establece o artigo 29 do Regulamento do Parlamento de Galicia.  
Está composta polo presidente ou pola presidenta do Parlamento, dous vicepresidentes ou vicepresidentas, un secretario ou unha secretaria e mais un vicesecretario ou unha vicesecretaria.
A Mesa do Parlamento interpreta e suple o Regulamento nos supostos de dúbida ou omisión, adopta as medidas conducentes á organización do traballo e ao réxime e goberno interiores da Cámara, elabora o proxecto dos seus orzamentos e procede á súa execución logo de seren aprobados, cualifica os escritos e documentos de índole parlamentaria, programa as liñas xerais de actuación da Cámara e fixa o calendario de actividades do Pleno e das comisións, entre outras función (artigo 30 do Regulamento).
A Mesa reunirase por convocatoria do presidente e estará asesorada polo secretario quen redactará as actas de sesión e coidará, baixo a dirección do presidente, da execución dos acordos.
  • A XUNTA DE PORTAVOCES.
Os portavoces dos grupos parlamentarios constitúen a Xunta de Portavoces, a cal se reúne baixo a presidencia do presidente do Parlamento, quen convocaráa por iniciativa propia ou por petición de dous grandes grupos parlamentarios ou da quinta parte dos membros da Cámara.
A Xunta de Portavoces ten como funcións máis importantes (artigo 39 do Regulamento do Parlamento de Galicia) establecer os criterios que contribúan a ordenar e facilitar os debates e as tarefas do Parlamento, establecer o calendario de actividades das comisións, decidir a comisión competente para entender nos proxectos ou nas proposicións de lei, fixar o número de membros de cada grupo parlamentario que integrarán as comisións e asignarlles os escanos no salón de sesións aos diferentes grupos parlamentarios.
Imagen
  • COMISIÓNS PARLAMENTARIAS.
Son os instrumentos máis importantes do traballo parlamentario, pois coñecen dos proxectos, proposicións ou asuntos que lles encomende a Mesa do Parlamento. As comisións están formadas polos membros que designen os grupos parlamentarios no número que, respecto de cada un, indique a mesa do Parlamento, oída a xunta de portavoces e en proporción á importancia numérica daqueles na Cámara, tal e como se infire do artigo 40 do Regulamento do Parlamento de Galicia.
As comisións son importantes porque, de acordo co artigo 44 do RPG, poden pedir a información e documentación que necesiten das institucións autonómicas, requirir a presenza dos membros da Xunta de Galicia competentes por razón da materia que se debata e solicitar a presenza de funcionarios, autoridades e particulares.
As máis importantes son as comisións permanentes lexislativas, que actualmente son oito:
  • Institucional, de Administración Xeral, Xustiza e Interior.
  • Ordenación Territorial, Obras Públicas, Medio Ambiente e Servizos.
  • Economía, Facenda e Orzamentos.
  • Educación e Cultura.
  • Sanidade, Política Social e Emprego.
  • Industria, Enerxía, Comercio e Turismo.
  • Agricultura, Alimentación, Gandaría e Montes.
  • Pesca e Marisqueo.
Estas comisións preparan a discusión para o Pleno dos proxectos e das proposicións de lei que lles corresponden por razón da materia; nelas comparecen membros do Goberno da Xunta de Galicia, ben por petición propia, ben por petición da Comisión, para dar conta ou informar das súas tarefas e dos seus traballos, e poden aprobar resolucións que se debatan no seu seo.
Son tamén comisións permanentes aquelas que se deban constituír por disposición legal, como as seguintes:
  • Do Regulamento, que ditamina a proposta de Regulamento e as reformas que se lle formulen a este.
  • Do Estatuto dos Deputados, que estuda todas as cuestións que afectan a compatibilidade dos deputados e das deputadas.
  • De Peticións, que examinará cada petición individual ou colectiva que reciba o Parlamento de Galicia, para lle remitir a quen corresponda: Valedor do Pobo, Defensor do Pobo, Cortes Xerais, Goberno, tribunais, Ministerio Fiscal ou comunidade autónoma, deputación ou concello pertinentes.
Son tamén comisións permanentes non lexislativas as seguintes:
Por disposición legal:
  • Comisión de Relacións co Consello de Contas
  • Comisión de Control da Corporación da Radio-Televisión de Galicia
Creadas para a correspondente lexislatura (artigo 49.1 do Regulamento)
  • Comisión de Asuntos Europeos
 
  • O PLENO:
O Pleno do Parlamento de Galicia é o órgano supremo da Cámara, no que se debaten en última e definitiva instancia todas as cuestións que son da súa competencia, e está constituído por todos os deputados e deputadas.
O Pleno do Parlamento de Galicia será convocado polo seu presidente, por propia iniciativa ou por solicitude polo menos, de dous grupos parlamentarios ou da quinta parte dos deputados membros da cámara.
Para tomar validamente acordos, o Pleno debe contar coa asistencia de máis da metade dos seus membros.
Os membros do Parlamento ocupan sempre un escano fixo, agrupados segundo o grupo parlamentario ao que pertencen.  Todos os conselleiros ou conselleiras poden asistir e intervir nas sesións aínda que non sexan deputados ou deputadas.
As sesións do Parlamento serán públicas con determinadas excepcións, que se fixan regulamentariamente.
Os acordos serán válidos unha vez aprobados pola maioría simple dos membros presentes do órgano correspondente, sen prexuízo das maiorías especiais que estean establecidas por lei ou polo Regulamento da Cámara. O voto é persoal e indelegable.
  • A DEPUTACIÓN PERMANENTE
A Deputación Permanente (artigo 55 do RPG) velará polos poderes da Cámara cando estea expirado o mandato parlamentario, cando o Parlamento estea disolto, ou non estea reunido por se encontrar fóra dos períodos ordinarios de sesións ou por calquera outra causa de forza maior.
Está presidida polo presidente do Parlamento e constituída por un mínimo de once membros, que representarán a todos os grupos parlamentarios en proporción á súa importancia. A Deputación Permanente débelle dar conta ao Pleno de todas as súas decisións na primeira sesión ordinaria e logo das eleccións ao Parlamento de Galicia unha vez constituído cada catro anos ao inicio da lexislatura.
Imagen
FUNCIÓNS E COMPETENCIAS LEXISLATIVAS DO PARLAMENTO:
Correspóndelle ao Parlamento de Galicia, como primeira e máis característica das súas funcións, o exercicio da potestade lexislativa da Comunidade Autónoma, en virtude da cal aproba as leis.
O Parlamento de Galicia pode lexislar sobre as materias consideradas pola Constitución e polo Estatuto de autonomía como competencia propia ou naqueloutras nas que, en virtude das previsións e cos límites establecidos no artigo 150 da Constitución, as Cortes Xerais lle atribúan á Comunidade Autónoma a facultade de ditar normas lexislativas.
As leis de Galicia son promulgadas, no nome do rei, polo presidente da Xunta de Galicia e publicadas no Diario Oficial de Galicia e no Boletín Oficial del Estado.
Habitualmente as leis nacen dunha proposta que fai o Goberno, que se denomina, neste caso, proxecto de lei; tamén poden nacer dunha iniciativa que fan os deputados e as deputadas ou os grupos parlamentarios, que se chama proposición de lei. Ambos os dous procedementos lexislativos seguen un camiño semellante.
Os proxectos de lei son sometidos a un debate xeral no Pleno da Cámara, denominado de totalidade. No suposto de que se lles presentasen emendas de totalidade, unha vez superado este trámite pasa a ser estudado por unha Ponencia.
A Ponencia estará formada por un deputado ou por unha deputada de cada grupo parlamentario existente na Cámara, e cumpre a misión de analizar o texto e as emendas co fin de elaborar un informe.
Este informe é estudado pola Comisión competente por razón da materia, designada pola Xunta de Portavoces, a cal ten que emitir un ditame, unha vez debatido e votado o texto, artigo por artigo.
O ditame pasa a ser debatido e votado en sesión plenaria, nunha derradeira lectura, onde se fixa o posicionamento dos grupos parlamentarios da Cámara.
No suposto de que o proxecto de lei non pasase o trámite de totalidade, o proxecto de lei devolveríaselle ao Goberno.
As proposicións de lei, ben sexan por iniciativa dun deputado ou dunha deputada coa sinatura doutros catro membros da Cámara, ou de grupos parlamentarios coa sinatura do seu portavoz, ben sexan de inciativa popular, son tamén sometidas a un debate xeral, que neste caso se chama de toma en consideración e, de ser superado, sométese primeiro a un prazo de emendas parciais, antes de que a proposición de lei sexa remitida á correspondente Comisión lexislativa asignada pola Xunta de Portavoces -igual ca os proxectos de lei- e, por último, pasan para aprobación definitiva a unha sesión plenaria final.
Se a proposición de lei non supera o debate de toma en consideración, queda rexeitada, sen máis, nese trámite.
Ademais do procedemento ordinario, o Regulamento do Parlamento prevé procedementos especiais para:
  • As leis de desenvolvemento básico do Estatuto.
  • As leis de orzamentos da Comunidade Autónoma.
  • A aprobación de leis polas comisións con competencia lexislativa plena.
  • As de lectura única, cando a lei é aprobada nunha soa votación.

LEI DE INICIATIVA LEXISLATIVA POPULAR E PARTICIPACIÓN CIDADÁ 
A Lei de iniciativa lexislativa popular e participación cidadá no Parlamento de Galicia amplía os mecanismos de participación cidadá directa no Parlamento de Galicia, facilitando que os galegos e galegas se impliquen activamente na actividade parlamentaria.
Para tal afecto, a participación cidadá no Parlamento de Galicia articulase a través das seguintes vías:

1. Proposicións de lei de iniciativa lexislativa popular:
As persoas maiores de idade que gocen da condición política de galegos ou galegas e se atopen inscritas no censo electoral poden exercer a iniciativa lexislativa prevista no artigo 13.1 do Estatuto de autonomía, así como as restantes formas de participación política a través do Parlamento de Galicia. A iniciativa lexislativa popular perante o Parlamento de Galicia exércese por medio da presentación de proposicións de lei asinadas, polo menos, por 10.000 das cidadás e dos cidadáns.
2. Participación popular na elaboración das leis.
 As persoas maiores de idade e coa condición política de galegos poderán participar na tramitación parlamentaria das leis remitindo as súas suxestións e achegas á Mesa do Parlamento de Galicia antes da sinatura do informe da ponencia da iniciativa lexislativa.
Unha vez admitidas a trámite as suxestións e achegas, serán entregadas á ponencia encargada de elaborar o informe de ponencia para o seu estudo á vista do texto da iniciativa lexislativa e das emendas presentadas.
3.  Participación popular no impulso da acción do Goberno a través de proposicións non de lei.
Calquera persoa xurídica que represente intereses sociais e actúe lexitimamente a través dos seus órganos, ou calquera cidadán ou cidadá coa súa sinatura e a doutros nove, e coa mención dos seus documentos nacionais de identidade, poderán promover a presentación de proposicións non de lei ao Parlamento de Galicia.  O número requirido de sinaturas de persoas lexitimadas para subscribir unha proposición non de lei de iniciativa popular é de 2.500.
4. Participación popular no control ao Goberno.
Calquera persoa xurídica que represente intereses sociais e actúe lexitimamente a través dos seus órganos, e calquera cidadán ou cidadá coa súa sinatura e mención do seu documento nacional de identidade, poderán dirixir preguntas ao Parlamento de Galicia co rogo de que sexan formuladas á Xunta de Galicia.
As preguntas admitidas anunciaranse no Boletín Oficial do Parlamento de Galicia, e establecerase un prazo de quince días, que se contarán desde o seguinte ao da súa publicación, para que os deputados ou as deputadas as poidan asumir como propias e convertelas en preguntas con resposta escrita ou oral. De seren varios os deputados ou as deputadas que manifesten a asunción, será asignada ao primeiro que o solicite.
Ao formulalas, deberá mencionarse sempre a súa orixe, aínda que preservando, se se trata dunha persoa física, o nome e os apelidos do asinante, e expresando así mesmo os deputados ou as deputadas que as asumisen.
5.  Exercicio do dereito de peticións perante o Parlamento de Galicia.
As peticións poderán versar sobre calquera asunto ou materia comprendido no ámbito de competencias do destinatario, con independencia de que afecten exclusivamente o peticionario ou sexan de interese colectivo ou xeral. Non son obxecto deste dereito as solicitudes, queixas ou suxestións para a satisfacción das cales o ordenamento xurídico estableza un procedemento específico distinto ao regulado na Lei orgánica 4/2001, do 12 de novembro, reguladora do dereito de petición.




AutorA

Fátima Amboage Santos

estatuto_de_autonomía_de_galicia.pdf
File Size: 276 kb
File Type: pdf
Descargar archivo

lei_7.2015._iniciativa_lexislativa_popular.pdf
File Size: 636 kb
File Type: pdf
Descargar archivo

reglamento_parlamento_de_galicia.pdf
File Size: 311 kb
File Type: pdf
Descargar archivo

0 Comentarios



Deja una respuesta.

    AutoraS

    En este portal jurídico, creado por María, Fátima y Alba, podrás enterarte de las últimas novedades jurídicas. 


Con tecnología de Crea tu propio sitio web con las plantillas personalizables.
  • INICIO
  • Blog
  • EQUIPO
  • CONTACTO
  • POLÍTICA DE PRIVACIDAD